A comunidade da UVigo convértese en creadora de deseños de impresión 3D
xoves, 8 de novembro do 2018
A
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle estes días
(até decembro) un curso que pon á comunidade universitaria ao tanto
das últimas novidades en impresión 3D, en palabras da organización
“un eido de moitas posibilidades, agora que se espallan e se
afianzan plataformas de software libre que permiten empregar deseños
novos ou adaptar creacións xa existentes, ou mesmo replicar unha
impresora, elaborar prototipos ou reparar equipamentos”. Trátase
do curso Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores,
que conta coa presenza (impartindo teoría e, sobre todo, práctica)
dos técnicos da UVigo Vicente López Díaz, Txapu, e José
Manuel Rodríguez.
O
obradoiro, que dá continuidade a experiencias formativas anteriores,
pon o foco en cuestións como a evolución vivida nos últimos anos
no eido da impresión tridimensional, “xa que hai un anos
basicamente traballabas con dous tipos de filamento e agora existen
moitos máis materiais, como filamentos con partículas metálicas ou
filamentos imitando a madeira”, salientan os responsábeis do
taller, que ten como primeiro obxectivo “que o alumnado lle vaia
perdendo o medo a esta tecnoloxía a través dunha abordaxe
fundamentalmente práctica”, que abrangue desde probar como
funcionan os distintos materiais ao manexo de plataformas nas que
descargar ou modificar deseños xa realizados para impresoras 3D ou a
preparación de deseños propios.
Este
curso de iniciación ao 3D forma parte da oferta de obradoiros
impulsada polo primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus,
que recentemente impulsaba tamén, ao abeiro do Campus Crea, cinco
novos talleres, de balde e abertos ao conxunto da comunidade
universitaria. Tres deles, o Obradoiro práctico de cociña
saudábel para cerebros ocupados, o Curso de iniciación a
robótica educativa e o taller Fab-Lab no campo expandido.
Planificar-construír manteñen aberto até hoxe o período de
inscrición, existindo tamén prazas vacantes tanto no curso O
viño: ciencia, cultura e territorio, que se desenvolverá os
días 15, 19 e 22 na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui, como
no taller A gamificación como ferramenta de innovación e
motivación na aula, que se desenvolverá do 22 ao 30 de novembro
na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría.