A compañía de seguridade informática Avast pagará 1.300 millóns de dólares por AVG

xoves, 7 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O director xeral de AVG confía en que a operación propicie unha compañía máis forte para afrontar os retos do futuro

Avast Software, unha das compañías líderes en solucións de seguridade informática, anunciou hoxe o peche dun acordo para a compra dun dos seus principais competidores, AVG Technologies, ao prezo de 25 dólares por acción, o que sumará aproximadamente 1.300 millóns de dólares (1.173 millóns de euros), operación coa que Avast busca mellorar a súa escalabilidade, a súa profundidade tecnolóxica e o seu espallamento xeográfico. Como unha compañía máis forte confían en poder abordar con éxito os retos para a seguridade informática que están a xurdir, como a seguridade para a chamada Internet das Cousas.
A combinación de Avast e AVG suma máis de 400 millóns de postos instalados, dos que 160 millóns serían móbiles, que serven así como sensores para achegar a información sobre malware, axudando a detectar e neutralizar novas ameazas en canto xorden.
O director xeral de AVG, Gary Kovacs, asegurou que a operación contribúe “aos nosos obxectivos de crecemento e representa o mellor para os intereses dos nosos accionistas”, á vez que considera que o crecemento da compañía era preciso para poder afrontar os novos escenarios nos que a seguridade en liña está a pasar de centrarse nos dispositivos a mirar tamén polos datos e as persoas.
A operación de compra de AVG por parte de Avast pecharase en efectivo, e confíase en que poida completarse entre o 15 de setembro e o 15 de outubro.

PUBLICIDADE