A cobertura do móbil chégalle, por fin, aos veciños de Covelo
mércores, 21 de xaneiro do 2009
- Veciños de Covelo demostrando que xa teñen cobertura de telefonía móbil
Logo de dous longos anos buscando cobertura en zonas
imposibles e falando ás voltas ata dar cun sitio onde máis ou menos o móbil
collera “unhas raíñas” para poder falar sen interferencias, os veciños da
parroquia de Prado, en Covelo, veñen de conseguir que melloraran a potencia
eléctrica dunha antena que os traía tolos dende a súa instalación.
A conexión coa antena de televisión e o aumento da potencia
eléctrica fixeron que, á fin, os 1.300 veciños da zona pudieran falar dende os
seus teléfonos móbiles como calquera outro cidadán galego.
Os veciños afirmaban onte para o xornal La Voz de
Galicia que “aínda hai algúns que,
dependendo da compañía, teñen algún problema, pero xa non é coma antes, que
case estabas incomunicado”.
Esta medida, que non lle vai afectar á sinal televisiva
(como se sospeitaba nun primeiro momento), vai facilitar as comunicacións entre
os veciños das parroquias de Prado, Godón, Foce e Bugarín, que se queixaban
sobre todo por non poder facer uso do teléfono en determinadas situacións de
emerxencia.
O xornal galego completa esta información con outra
nova na que indica que a única alternativa dos veciños de Covelo e de
moitos ingleses que se asentaron na zona antes da colocación das novas
instalacións, “era a antena de Maceira”,
un dispositivo situado a trece quilómetros que, debido á distancia e á
orografía do concello, provocaba problemas contínuos coa cobertura.
Esta situación fixo que as empresas de telefonía mailo
Concello “se preocupasen” por buscar
solucións que facilitasen as comunicacións, chegando a un acordo final coa
comunidade de montes de Prado que lle alugou o terreo para instalar a nova
antena.