A cifra de estudantes da ESO que usan o libro dixital duplicarase na nosa terra o vindeiro curso

martes, 16 de marzo do 2021 S. P.

O Goberno galego confirmou hoxe a súa intención de duplicar a cifra de estudantes da ESO que emprega a día hoxe o libro dixital. Isto farase efectivo a vindeira semana. Os detalles da información foron achegados este 16 de marzo polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación da nova convocatoria de E-Dixgal para o vindeiro ano académico, na que tamén participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a principal novidade da convocatoria para o curso 2021/2022 é a extensión do proxecto aos cursos de 3 e 4º de ESO (ata o momento só se aplica a 5º e 6º de Primaria e a 1 e 2º de ESO). Isto, dixo, “realizarase de forma automática, se así o desexan, aos centros que xa contan con libro dixital nesta etapa e que nun só curso dobrarán o número de alumnos beneficiados”. Asemade, concretou que o vindeiro ano académico sumarase á iniciativa “un mínimo de 75 novos centros”, tanto aqueles que “queiran empezar desde cero como outros que xa estean empregando o libro dixital e desexen amplialo a outra etapa educativa”. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos, engadiu.
Román Rodríguez explicou que, a día de hoxe, participan no E-Dixgal a metade dos centros públicos que imparten Primaria e Secundaria. Así mesmo, o conselleiro salientou que con estas novidades ofrécese por “vez primeira a posibilidade de que un alumno galego estude con libro dixital durante seis cursos consecutivos”.
Román Rodríguez enmarcou esta medida “no pulo que imos dar á dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino coa nova estratexia Edudixital 2030”, unha folla de ruta que vai integrar equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), e que incorporará a Intelixencia Artificial para todos os niveis educativos, así como o deseño de estratexias docentes ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas. “En definitiva, un salto cualitativo na transformación do ensino cara o dixital”, resumiu o conselleiro.
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, destacou que o proceso de transformación dixital do ámbito educativo susténtase en cinco piares fundamentais: as infraestrutura e equipamentos necesarios no centros; o desenvolvemento de plataformas e ferramentas de colaboración educativa; a dotación de contidos dixitais mediante acordos con empresas especializadas e editoriais; o soporte técnico a docentes e alumnos; e a formación do profesorado.
Mar Pereira lembrou que a Xunta ten como obxectivo para a extensión do Libro Dixital (E-Dixgal) nos vindeiros tres anos chegar ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4 da ESO.

PUBLICIDADE