A cidadanía de Lugo xa comunicou 437 incidencias a través da aplicación Liña Verde

venres, 3 de febreiro do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vén de facer un novo reconto da actividade xerada ao abeiro do servizo Liña Verde, amosando unha importante suba de participación en relación con esta ferramenta posta en marcha en 2013. Segundo fixo saber o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, as incidencias recibidas pola aplicación Liña Verde foron un total 437. Delas, acharon solución o 82%. Liña Verde, como lembraremos, é unha aplicación que emprega as novas tecnoloxías para a resolución de consultas medioambientais e a comunicación de calquera tipo de incidencias no equipamento urbano do municipio. É, tamén, unha app para “difundir as boas prácticas ambientais e para fomentar a participación cidadá”.
Piñeiro tamén deu conta da tipoloxía das comunicacións recibidas, que na súa maior parte refírense a parques e xardíns, limpeza, recollida de lixo e sumidoiros. Asemade, amosou a súa satisfacción polos datos obtidos e agradeceu “a participación da cidadanía, o que demostra o seu interese por facer Lugo co impulso da súa xente”. Piñeiro aproveitou a ocasión para convidar a todos os lucenses a descargar a aplicación de Liña Verde e “implicarse no coidado do noso municipio e dos equipamentos públicos”.
Lembrou tamén que o consistorio está a levar a cabo nestes intres unha campaña de difusión desta ferramenta tecnolóxica, “para que a cidadanía coñeza este servizo e que sexa empregado para comunicar as incidencias que detecten”. Recordou que poden acceder a el a través da web municipal lugo.gal. Tamén está dispoñíbel a través da páxina lineaverdelugo.com. Neste dominio, sinalou o usuario poderá facer consultas en materia de medio ambiente e “tamén atopar unha ampla información sobre guía de boas prácticas, consellos ambientais e de aforro enerxético, reciclaxe, lexislación e recursos de educación ambiental, entre outros”.

PUBLICIDADE