A cidadanía da Coruña xa pode votar en liña por 111 propostas participativas
venres, 31 de agosto do 2018
O
Concello
da Coruña vén de pór en marcha (até o 17 de setembro) a fase de
votación en liña dos seus orzamentos participativos. Neste
proceso de implicación cidadá, as veciñas e os veciños poderán
escoller as propostas que se incluirán nos orzamentos do vindeiro
ano, dun total de 111. Estes e outros datos foron dados a coñecer
pola concelleira Claudia Delso, quen sinalou que das 111 que
superaron a fase de avaliación técnica, 44 propostas son de cidade
e 67 correspóndense a proxectos de distrito. Tamén sinalou que hai
unha parte significativa de proxectos para desenvolver e aplicar
aplicacións informáticas. O programa inclúe unha contía de 3
millóns de euros.
A
edil, na súa presentación, fixo un novo chamamento á cidadanía
para tomar parte activa neste procedemento, lembrando tamén que
poderán votar nesta fase todas aquelas persoas que se teñan dado de
alta na plataforma aportaaberta.coruna.es,
así como todas aquelas que o fagan durante este período de tempo.
Amais,
Delso fixo fincapé “no especial éxito de participación que está
a acumular esta xa terceira edición dos orzamentos participativos”.
Segundo fixo saber, este ano a cidadanía presentou “nada máis e
nada menos que 909 propostas”, das que foron seleccionadas (tras
unha análise inicial) 189. Logo do estudo técnico, determinouse a
viabilidade das devanditas 111.
A
edil tamén quixo facer fincapé no potencial das ditas contribucións
para “reflectir as inquedanzas da cidadanía”, que, por outra
banda, están moi en consonancia coa “maneira de entender a cidade
que ten o Concello”. Segundo fixo saber, das 189 propostas
avaliadas, 115 pertencen á area de espazo público, mobilidade e
rexeneración urbana (construción de parques infantís, carril bici,
arranxo de rúas e beirarrúas, propostas de peonalización); así
como 44 á área de medio ambiente (incluíndo temas como arborado,
zonas verdes, parques, contedores de reciclaxe ou sendas peonís) e
10 á área de deportes, para a construción de equipamento
deportivo. “O resto de propostas tiñan que ver con aplicacións
informáticas e actuacións en centros educativos, cívicos ou
veciñais”, dixo.
A
concelleira recordou que en todo o tempo de duración da fase de
avaliación os veciños e as veciñas que estean xa ou se dean de
alta no devandito portal tecnolóxico poderán votar polas súas
propostas favoritas. Porén, para facilitar a participación (e do
mesmo xeito que en anteriores fases) habilitaranse espazos de apoio e
axuda á votación en toda a rede de bibliotecas municipais, os
centros cívicos, o CMIX e a sede da Federación de Asociacións
Veciñais da Coruña e área metropolitana. Ademais, o servizo de
atención cidadá 010 continuará atendendo consultas sobre o proceso
de rexistro na plataforma municipal de A Porta Aberta.
Do
mesmo xeito, levaranse a cabo dous eventos de rúa para informar á
cidadanía e apoiar no proceso de votación. Os mesmos terán lugar o
sábado 8 de setembro no Obelisco e o sábado 15 na praza de Lugo, en
horario de 16.30 a 21.00 horas.
Amais,
e coa finalidade de que as persoas participantes poidan dar a coñecer
as súas propostas máis polo miúdo, a Concellería de Participación
porá a disposición dos e das promotoras destas iniciativas dúas
xornadas para gravar microvídeos que se difundirán a través das
redes deste departamento. As gravacións faranse o 3 de setembro na
Biblioteca Municipal do Castrillón e o día 4 na Fundación Luís
Seoane, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Ademais, calquera persoa
que así o desexe e non poida participar nestas xornadas, poderá
enviar un vídeo semellante ao correo
presupostos.participativos@coruna.es.