A ciberseguridade e a criptografía serán os temas centrais do Hacking Nivel Mega

xoves, 9 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Cátedra R, a plataforma Armis, a fundación Gradiant e empresas do sector tecnolóxico (InprOTech, Cloud.gal, Forensic & Security e Qualinnova) organizan este venres 10 de febreiro a xornada Hacking Nivel Mega, un evento lúdico-formativo sobre ciberseguridade no Museo Mega de Estrella Galicia da Coruña de 16 a 20:30 horas.
A vogal do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, sinala que os obxectivos son apoiar a comunidade ciber galega creando un evento distendido que sirva de encontro e networking para os profesionais, así como ser un entorno para que os estudantes de FP e universitarios podan achegarse a este mundo.
A actividade, á que asistirá o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, terá 70 participantes que visitarán o museo e gozarán da experiencia dunha cata de cervexa e un servizo de maridaxe de queixos. Na parte máis académica, celebraranse dúas charlas sobre ciberseguridade, nas que intervirán Juan González Martínez, de Gradiant, que falará sobre Criptografía (e tamén matemáticas...) maridadas con cervexa, que pode saír mal? para explicar como, mediante a resolución dun reto, pódese aprender sobre vulnerabilidades criptográficas; e o especialista en ciberseguridade Joel Senra Moreno, que analizará a cuestión do RFID en controis de acceso e sistemas de autoservizo.

PUBLICIDADE