A ciberseguridade, Airbnb, o ecommerce e Arduino centran os novos obradoiros de SmartPEME

luns, 14 de novembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito mixto, combinando cursos online e presenciais, enmarcados na súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e profesionais en xeral. As accións tratarán temas como a ciberseguridade nos móbiles, a comercialización de aloxamentos con Airbnb, as plataformas para crear tendas en liña e a programación co software-hardware aberto Arduino. Máis datos na web de SmartPEME.
Este luns 14 de setembro, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro Ciberseguridade, dispositivos móbiles. Este curso ten como obxectivo ver a importancia de protexer os dispositivos móbiles, xa que cada vez somos máis dixitais. Será ás 10.00 horas de xeito telemático. Freire tamén dirixirá o derradeiro dos obradoiros da semana, o xoves 17, Programación con Arduino II. Teórico II. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares a día de hoxe: o software-hardware libre Arduino. A actividade combinará unha vertente teórica en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido.
O martes 15 ás 11 da mañá, vía Zoom, será a quenda de Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias, un obradoiro no que se falará de como converterse en anfitrión de aloxamentos e actividades e cales son as condicións e vantaxes de formar parte desta plataforma dixital. O curso estará guiado por Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas pola Universidade de Santiago de Compostela.
A penúltima das accións formativas celebrarase o mércores 16 pola tarde, ás 18.00 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, será quen imparta o taller Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña, un obradoiro no que se verá a situación actual do comercio electrónico, que pasos dar para crear unha tenda en liña e cales son as mellores plataformas para creala.

PUBLICIDADE