A cea benéfica con Feijoo á venda en eBay entra na súa recta final

luns, 4 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Soubémolo onte mesmo a través de Vieiros: o servizo de poxas eBay conta xa entre as súas achegas en venda pública cunha cea co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, materializada a través dunha iniciativa das mocidades do Partido Popular de Galicia e co obxectivo de procurar fondos para (entre outras cousas) axudar aos Reis Magos a levarlles xoguetes ás familias máis necesitadas. Pois ben, a cita presidencial (que terá lugar na residencia de Monte Pío en Santiago) semella ter no servizo eBay os seus aspirantes: xa hai contabilizadas, a unhas horas para que remate a venda pública virtual, 42 poxas rexistradas ás 19.00 horas deste luns día 4.
Por certo que o prezo da cea non está ao alcance de tódolos petos dos usuarios de eBay (por moito que os habituais custes de envío sexan de balde, cousa curiosa), aínda que se finalmente os cartos recadados se usan para o que se asegura que se van usar, por unha vez pagará a pena que se pague a máxima cifra posible.
Por certo que a cea con Feijoo non vai ser o único que se poña en venda benéfica. Á xuntanza gastronómica presidencial cómpre engadir un garabata e un porta puros do presidente do PP, Mariano Rajoy, ou o bolígrafo de ouro co que Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, asina no libro de honra da Cámara.

PUBLICIDADE