A carga sen fíos Qi queda sen competencia

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Durante os últimos anos vimos como chegaban distintas tecnoloxías de carga sen fíos baseadas en indución, das que a tecnoloxía Qi parecía ser a máis forte, mentres que as plataformas competidores, Alliance for Wireless Power e Power Matters Alliance, tiveron que unir forzas, o que non resultou dabondo e agora o principal representante desta alianza, Powermat, anuncia que dá o brazo a torcer e sumarase ao Wireless Power Consortium (WPC) para contribuír ao ecosistema de Qi.
Lembremos que a tecnoloxía Qi leva presente en móbiles como os Nokia Lumia ou distintos Samsung Galaxy dende hai bastantes anos, converténdose practicamente no estándar a seguir (e que incluso adoptou Apple hai poucos meses), resultando moi complicado ás tecnoloxías competidoras facerse un oco no mercado. O feito de que agora todos os axentes traballen baixo o mesmo paraugas facilitará a evolución da tecnoloxía de carga por indución, o que poderá ser moi positivo para os consumidores, xa que será máis doado adquirir produtos con esta tecnoloxía e máis probable que en lugares públicos se instalen puntos de carga.
O director xeral de Powermat, Elad Dubzinski, recoñece que a adopción de Qi por parte de Apple evidenciou o éxito desta tecnoloxía, polo que non tiña sentido fuxir dun estándar que actualmente está amparado por máis de 360 compañías.

PUBLICIDADE