A capacidade do noso sector TIC en inclusión dixital, ao descuberto

venres, 23 de novembro do 2012 Redacción

AMTEGA abriu este venres a primeira edición da Xornada de Boas Prácticas para a Inclusión Social, unha actividade do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta para informar ás entidades de acción social das ferramentas TIC galegas de meirande potencialidade de uso no seu ámbito. O acto contou coa presenza de Mar Pereira, directora da Axencia, que salientou a capacidade do noso sector tecnolóxico-dixital e, en consecuencia, dos seus produtos e servizos, moitos dos cales (polas súas características de accesibilidade e de flexibilidade) acáenlle especialmente ás asociacións, aos organismos ou entidades que estean a traballar no ben da cidadanía e, con especial referencia ao Programa de Voluntariado Dixital, no achegamento das TIC á cidadanía en risco de exclusión.
Segundo fixo saber Pereira, entre os colectivos de meirande risco de exclusión dixital atópanse as persoas con diversidades funcionais ou motrices, que na nosa terra alcanzan a cifra de 292.900, o que supón o 10,5% da poboación, e o colectivo de maiores, que en España representa un 17,2% da poboación e na nosa Comunidade elévase ao 22,55%. “Unhas cifras que”, segundo a directora da axencia, “indican a importancia de atender as necesidades específicas destes colectivos para que a tecnoloxía se converta nun elemento integrador e non nunha barreira que lles impida ser cidadáns de pleno dereito na sociedade dixital”.
Na xornada, once firmas TIC galegas amosaron cadansúas aplicacións dispoñibles no mercado ou en fase de elaboración dirixidas de xeito específico para persoas con diversidades funcionais, persoas maiores e dependentes: plataformas para usuarios con parálise cerebral, para a formación de persoas con discapacidade auditiva, sistemas de videonterpretación en lingua de signos, solucións para o diagnóstico e seguimento de persoas autistas, ou sistemas de monitorización e localización de persoas diagnosticadas de demencia, son algunhas das 13 propostas que se presentaron.
Tras a presentación representantes das asociacións tecnolóxico-dixitais galegas AGASOL, AGESTIC, EGANET, INEO e o Clúster TIC e das organizacións sociais Cruz Vermella, COGAMI, FAXPG, FEGADACE, ONCE, FEAFES GALICIA , DOWN GALICIA e AUTISMO GALICIA, participaron nunha mesa redonda sobre a contribución tecnolóxica ao benestar social.
O Programa de Voluntariado Dixital ten o obxectivo de estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade. Para cumprir este obxectivo búscase a colaboración entre as institucións, as empresas do sector TIC e as entidades de acción social que traballan apoiando aos ditos colectivos en risco de exclusión. A iniciativa suma tamén a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas e o aproveitamento das infraestruturas públicas e hoxe acadouse xa a adhesión de máis de 200 voluntarios e 74 entidades colaboradoras, entre concellos, entidades públicas e privadas e organizacións de acción social.

PUBLICIDADE