A canle xaponesa NHK retransmitirá os Xogos Olímpicos en 8K

martes, 2 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Mentres o vídeo en ultra alta definición non remata de atopar o seu oco no mercado, e practicamente carece de emisións en tal formato, dende o Xapón xa miran ao que consideran que será o vindeiro salto evolutivo do vídeo, e inician as emisións en probas dunha canle de NHK que durante os vindeiros días vai permitir recibir os Xogos Olímpicos en 8K, o que aínda non poderá facerse dende os fogares (aos que esta tecnoloxía aínda tardaría anos en chegar) senón só nunha serie de centros de demostracións (onte hai instaladas pantallas xigantes que tiran proveito deste nivel de definición).
NHK xa leva un par de anos probando e amosando ao público o 8K ao que alcuman Super Hi-Vision, pero con producións moito máis modestas, lonxe da canle en 8K coa que contan agora, e que en certas situacións terá contidos producidos nativamente en 4K, pero en calquera xeito facer unha retransmisión intercontinental nestas resolucións é todo un logro. O formato empregado por NHK ten vídeo cunha resolución de 7.680 x 4.320 píxeles (equivalente e 16 pantallas Full HD) e soportaría son 22.2.
Pero aínda que o 8K teña na súa transmisión un grande reto a superar, a nivel de produción tamén supón un grande atranco, a que é preciso que cámaras, mesturadoras, equipamento de gravación e moitos máis dispositivos poidan operar a esta elevada resolución, o que está lonxe de estandarizarse, e non parece que vaia tardar pouco en facerse, xa que tal nivel de definición está moi lonxe do esixido polo mercado doméstico e incluso polas salas de exhibición comerciais (a meirande parte dos cines aínda traballan con vídeo en 2K, coas grandes salas contando xa con 4K).

PUBLICIDADE