A canle en YouTube dun profesor do IES Concepción Arenal de Ferrol acumula máis de 3 millóns de reproducións
martes, 21 de xaneiro do 2014
A canle en YouTube do profesor Manuel González,
mestre no IES Concepción Arenal de Ferrol, xa suma máis
de tres millóns de visualizacións e 3.000 subscritores. A canle
en cuestión chámase Cliphistoria
e ten a súa orixe nunha iniciativa do propio docente que se baseou
na creación de pezas audiovisuais para apoiar as clases de historia
impartidas por el mesmo no dito centro, pezas que logo foron
penduradas en YouTube, e sen imaxinar sequera, nos comezos, que
acabarían rexistrando tal número de reproducións. Trátase, en
palabras do profesor, dunha “canle de recursos audiovisuais para o
ensino da Historia de España a través de clips de filmes e ao tempo
unha reivindicación do cinema español e latinoamericano”.
O acubillo audiovisual leva en activo dende 2012.
Entre os seareiros non só están estudantes, senón tamén
investigadores, colegas de profesión de ámbalas beiras do Atlántico
e internautas en xeral afeccionados ás pescudas do pasado. En total,
o responsábel desta canle avaliou xa preto de 850 obras audiovisuais
de diversa índole para dar forma ao complemento fílmico do seu
temario. Por cuestións a tratar, sen dúbida salienta polo
seguimento achegado os temas da Segunda República República, da que
se ofrecen case 150 vídeos, a vida de Alfonso XIII (177 pezas), o
tempo e o ronsel deixado por Alfonso XII (141 vídeos) ou o reinado
de Isabel II (a cifra nada desprezábel de 113 vídeos). Por certo
que na sección de debate, son innumerábeis as consultas e o
parabéns ao profesor Manuel González polo importante traballo
despregado a prol do coñecemento das novas xeracións... e non tan
novas.