A canle de podcast de negocios máis seguida do mundo ten orixe galega

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A que sería a canle de podcast sobre negocios máis escoitada do mundo, a canle Libros para emprendedores, foi posta en marcha por mans galegas. Máis en concreto, as do enxeñeiro Luis Ramos, galego residente en México, quen acadou coa súa iniciativa de comunicacións especializadas no eido empresarial e innovador, posta en marcha nun principio como “unha simple afección”, a cifra nada desprezábel de 2 millóns de reproducións mensuais (a través das dúas canles de emprendemento de Luis Ramos) e unha audiencia presente en 187 países do mundo. Amais, a súa plataforma de podcast foi quen de ocupar o posto número 1 da clasificación de ficheiros sonoros online en español de todas as categorías en 20 países.
A canle, materializada hai 5 anos, ten a día de hoxe dúas ramificacións: Libros para emprendedores e Mentor360. Segundo lembra o seu artífice, ás devanditas cifras cómpre sumar outros fitos conseguidos que, na súa opinión, falan ás claras do extenso da súa audiencia: 38.000 emails persoais de agradecemento recibidos, máis de 200.000 seareiras e seareiros en YouTube e máis de 100.000 en Facebook.
A temática a tratar polos seus contidos é a temática do emprendemento e a innovación nos mercados, a través de programas que Ramos define como “útiles e cultos”, un pouco á marxe do sector do lecer e co engadido extra de presentarse en formatos innovadores. A iniciativa comezou da súa propia man, cun micrófono simple e dende o domicilio de seu, concibindo un espazo onde Luis debulla cada semana as ferramentas e ensinos máis importantes dun dos máis de 1.000 libros sobre emprendemento que leva lidos. Malia que os comezos foron relativamente baixos en audiencias, como en calquera iniciativa específica destas características, moi axiña comezaron a caer barreiras até que a canle deuse posto na cabeza dos servizos informativos de negocios máis seguidos de México. O gran chimpo foi cando acadou popularidade noutros países de Latinoamérica até acadar a primeira posición na súa área en fala hispana en máis de dúas ducias de países, e despois a nivel global. Logo, pasou a ser podcast máis escoitado en español de calquera categoría.

PUBLICIDADE