A canle de Youtube da aula CeMIT de Ames acadou preto de 6.000 visualizacións

venres, 15 de xaneiro do 2021 Redacción

O Concello de Ames fixo balance da actividade recente da aula CeMIT, que, segundo lembra o Goberno local, levou a cabo en 2020 un programa de divulgación, dinamización e formación primordialmente telemático, cousa que “non impediu que se acadaran unhas cifras de participación e interacción coa veciñanza moia altas”.
Un exemplo do devandito foi o curso infantil online de Scratch, a última actividade programada que se realizou durante o Nadal, no que participaron 40 persoas.
Ademais, o pasado 2020 a aula CeMIT abriu unha canle en YouTube, canle que conta con 139 subscritores (90 subscritores novos); 112 directos; 5.900 visualizacións (media de 52 por vídeo); e 2.100 horas de vídeo visualizadas (media de 19 por vídeo).
A aula CeMIT ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais dispón dun horario de aula aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.
A aula está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, na praza de Chavián, cun horario de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas.

PUBLICIDADE