A canle ESPN 3D botará o peche este ano

mércores, 12 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A canle televisiva especializada en retransmisións deportivas ESPN leva 3 anos ofrecendo contidos estereoscópicos a través de ESPN 3D, facendo da innovación tecnolóxica todo un sinal de identidade que estreouse no Mundial de Fútbol de 2010 e que, segundo anuncian dende a compañía, dirá adeus ao rematar o ano, pois consideran que os televisores actuais non están a achegar unha boa experiencia 3D aos espectadores por precisar de lentes especiais, de aí que decidan agora reorientar os seus esforzos e, en vez de destacar polas 3D, apostarán agora pola ultra alta definición que levará imaxes con calidade cinematográfica ao fogar.
Dende ESPN teñen claro que a reducida adopción do 3D no fogar fai que a produción de contidos neste formato non compense, especialmente no contorno económico actual, que levou á compañía a prescindir de varios centos de traballadores o mes pasado.
Con anuncios como este enténdese que o 3D no fogar é un fracaso, mentres que nas salas cinematográficas parece manter parte do seu pulo, o que podería responder ao feito de que o xeito de consumir contidos é moi distinto no ámbito doméstico que en locais públicos (onde levar uns lentes durante un par de horas non interrompe a outras tarefas).

PUBLICIDADE