A campaña de Acogelos.org a favor dos canciños xa conta con máis de 16.000 apoios

mércores, 3 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Unha de dúas: ou somos máis solidarios por ter Internet ao alcance da man (coma quen dá só por que lle piden) ou ben xa o levabamos dentro e a Rede non fai máis que darlle saída. Para o caso, resulta exactamente igual: non todo está perdido en relación ao trato que lles damos aos animais se unha iniciativa que anima á participación colectiva en liña para mellorar a súa calidade de vida acada máis de 16.000 apoios aos poucos días de terse posto en marcha. Estamos a falar de novo da terceira edición de Acogelos.org, tamén coñecida co explicativo e salientable epígrafe de Cómo pode un rato axudar a un can abandonado. A proposta, lanzada polo portal do mesmo nome e Intervet Schering-Ploug Animal Health a través da súa marca de accesorios Scalibor, vai encamiñada a conseguir, por medio dos clicks dos internautas, que o máximo número de canciños do territorio español leven no pescozo un colar antiparasitario.
A iniciativa, na que poderemos elixir o fogar de acollida que queremos que se beneficie do noso click, xa foi obxecto dende a súa posta en marcha, hai unhas semanas, de 16.000 achegas, o que se traduce en máis de 900 animais co devandito dispositivo, axeitado para evitarlles doenzas mortais como a leishmaniose, derivada precisamente da presenza de parasitos. Segundo informa Acogelos.org, a campaña é totalmente de balde para os internautas e nela concorren até 70 albergues, refuxios e centros de acollida de toda España. Informar ademais que ficará aberta até o vindeiro 30 de xuño.

PUBLICIDADE