A campaña da Deputación a prol das diversidades sexuais inclúe contos e pílulas online e xogos interactivos

mércores, 9 de xuño do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña impulsa novamente a campaña Liberdade de ser e sentir a prol das diversidades sexuais, e faino cun completo programa de actividades de variado formato, a desenvolver ao longo deste mes de xuño. Até o de agora xa confirmaron a súa adhesión á iniciativa, impulsada polas áreas provinciais de Igualdade e Cultura, 85 concellos e 15 entidades. As páxinas web seresentir.gal e aculturaeundereito.gal serán un fervedoiro de contos, contribucións audiovisuais e xogos interactivos.
Presentación
As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña presentaron conxuntamente a campaña e o programa que preparan para a conmemoración do Día das Diversidades Sexuais que se celebrará o vindeiro 28 de xuño. A campaña Liberdade de ser e sentir, cun amplo programa de actividades, e o congreso A memoria diversa son os principais eixes de acción que presentaron a deputada María Muíño e o deputado Xurxo Couto.
A deputada María Muíño destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que “ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria”.
O programa inclúe actividades para todos os públicos, desde un conto infantil que será difundido en aberto na Rede até pílulas informativas para expandir unha mensaxe igualitaria, conversas públicas con representantes das entidades que defenden dereitos dos colectivos ou a proxección do audiovisual Noite Irisada en doce concellos da Coruña.
Ademais, a Deputación da Coruña organiza o congreso A memoria diversa que ten como obxectivo “recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia” e “dar visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestións de orientación ou identidade de xénero”.
Xunto co congreso, o programa incluirá a publicación dun libro elaborado pola escritora Eva Mejuto con 12 entrevistas a activistas do movemento. Mejuto apuntou que a publicación terá como obxectivo “deixar constancia das voces directas das persoas que viviron a represión á diversidade desde o franquismo, persoas que foron activistas e contan en primeira persoa a súa experiencia vital coma lección para as novas xeracións”.
No programa que se desenvolverá os días 18 e 19 no Pazo de Mariñán intervirán, entre outros e outras, activistas como Nanina Santos Castroviejo, Guillermina Domínguez, Laura Bugalho o Jordi Petit; a realizadora audiovisual Carme PG Granxeiro, a presidenta de Arelas, Cristina Palacios; o investigador e activista Carlos Callón; o músico, a investigadora do movemento Daniela Fernández, o filólogo e activista Eric Dopazo ademais de representantes de entidades do movemento. Para participar é necesario inscribirse online.
Programa punto por punto
• Contacontos infantil O avó que saíu da maleta de Brais das Hortas. Contacontos en formato dixital que estará publicado na Rede.
• 3 pílulas informativas que aclararán termos conceptuais relativos ás diversidades.
• Conversa coas entidades Alas Coruña, Arelas e Les Coruña arredor dos retos de futuro das diversidades sexuais que se van celebrar de xeito presencial o venres 25 de xuño ás 19.00 horas na Biblioteca Provincial (inscrición previa no correo electrónico info@seresentir.gal indicando nome completo e teléfono de contacto). A conversa será retransmitida en directo a través da web da campaña.
• Xogo interactivo, en formato Pasapalabra e que será colgado na Rede.
• Colaboración coa serie web S.E.X coa publicación doutros 3 capítulos na web seresentir.gal.
• Difusión de materias didácticos de ARELAS para centros educativos.
• Congreso A Memoria Diversa, que se celebrará os días 18 e 19 de xuño no Pazo de Mariñán e que nace coa idea de recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia.
• Proxección do documental Noite Irisada, que recoñece, a través de voces protagonistas, a loita polos dereitos de gais e lesbianas en Galicia.

PUBLICIDADE