A campaña Gústame o galego na USC acadou ampla repercusión na Rede

martes, 15 de outubro do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago fixo reconto da participación xerada pola campaña Gústame o galego na USC!, levada a cabo in situ e durante catro xornadas en diferentes recantos dos campus de Compostela e Lugo (cun posadoiro no que deixaron a súa pegada 800 persoas) e tamén a través do eido dixital. Sobre este ámbito de actividade, a Universidade de Santiago sinala que a iniciativa para promover o uso da nosa lingua entre a súa comunidade recibiu case cincocentas fotografías e o Facebook da campaña tivo unha participación activa de case seis mil persoas, compartindo e comentando as devanditas imaxes ou premendo en gústame.
Asemade, acadáronse máis de 64.000 visitas e o número de afiliacións á web de Gústame o galego medrou en case mil nas devanditas datas en que se impulsou a campaña, pasando a case dez mil.
Os organizadores do evento informaron que do mesmo xeito que o baile de cifras, é importante salientar o “clima especial que se xerou arredor dos photocall, que motivou reflexións, comentarios e charlas verbo da lingua galega e o seu papel na sociedade e na universidade galega”.
A finalidade desta proposta colectiva que promove dende a súa orixe a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen a prol do fomento do galego en xeral e na USC en particular. “Búscase ademais provocar a reflexión sobre a necesidade de fomento do galego e achegar tanto a espazos públicos como á Rede e aos medios mensaxes favorábeis a prol da normalización lingüística en calquera ámbito facéndoas visibles a través de persoas concretas”, informa a organización.

PUBLICIDADE