A campaña 1m2 polas praias botará man dos móbiles para limpar os nosos areais

martes, 12 de setembro do 2017 Redacción

Poñer en xogo xeiras colectivas de recollida de refugallos e máis novas tecnoloxías para combater o lixo no mar e os plásticos nas praias. Nisto consiste a campaña 1m2 polas praias e os mares que están a impulsar as organizacións medioambientais Ecoembes e SEO/BirdLife (a través de Libera) e que os días vindeiros, entre o 29 de setembro e o 8 de outubro, desenvolverase en medio cento de puntos xeográficos das costas estatais. A iniciativa, que en Galicia desenvolverase en areais como o de Abeleira ou o de Rodas (entre outros que están por concretar e engadir), complementarase co emprego e coa promoción da ferramenta Marnoba.
Trátase, para quen non o saiba, dunha plataforma tecnolóxica participativa que recompila, rexistra e mostra información sobre os lixos mariños das costas mediante a utilización dunha aplicación gratuíta para móbiles (nela os usuarios poden dar conta das acumulacións de lixo en calquera praia, enviando información, imaxes e localizacións exactas).
Os datos obtidos durante as xornadas convocadas a través da campaña 1m2 polas praias e os mares integraranse na base de datos do MAPAMA (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) para estudalos e acadaremos coñecemento útil que poida servir para ver até que punto os refugallos humanos no mar xeran impactos irreversíbeis.
Ecoembes non é unha entidade acabada de chegar ao aproveitamento das TIC para loitar contra a contaminación. En datas recentes, de feito, desenvolveu o espazo virtual Marine-LITTERHUB, un recurso tecnolóxico dirixido á formación de formadores sobre lixo mariño. A web integra (precisamente) unha ligazón directa ao visor de resultados da aplicación Marnoba, que, como dixemos, permite o envío de datos de caracterización de lixos mariños.

PUBLICIDADE