A cámara Sony α9 III terá obturador global

martes, 7 de novembro do 2023 Marcus Fernández

A cámara Sony Alpha 9 III, que vén de presentarse hoxe mesmo, aínda que teremos que agardar a xaneiro para vela nas tendas, non só pasa a ser un dos grandes referentes das cámaras sen espello de fotograma completo que hai no mercado, senón que tamén fai historia ao ser a primeira cámara deste tipo cun sistema de obturador global, ou sexa, que é capaz de capturar imaxes a grande velocidade (até 120 imaxes por segundo) sen distorsión nin blackout.
Se temos en conta que esta cámara tamén conta co sistema de enfoque automático máis avanzado de Sony (que realiza até 120 cálculos de enfoque por segundo), así como coa posibilidade de sincronizar o flash con todas as velocidades de disparo, estamos ante unha ferramenta de traballo con grandes posibilidades para os fotógrafos profesionais, quedando bastante claro o público obxectivo deste produto se vemos que o seu prezo será de preto dos 7 mil euros.
A Sony α9 III está equipada cun sensor de imaxe CMOS de fotograma completo de 24,6 Mpíxeles, que pese a non ter unha resolución esaxerada, grazas ao seu obturador global resulta moi interesante para profesionais que non queren que se lles escape unha instantánea, aínda que o seu sistema de enfoque automático tamén funciona con vídeo, polo que temos un produto bastante versátil.
Estamos ante a primeira cámara da serie Alpha capaz de gravar vídeo 4K a 120 imaxes por segundo a altas frecuencias de cadro sen recorte, permitindo incluso gravar a 4K a 60 imaxes por segundo con sobremostraxe 6K. Tamén conta con funcións S-Cinetone e S-Log3, de xeito que as gravacións que se realicen coa cámara poderán gozar dun tratamento profesional das súas cores.
Outro aspecto moi coidado na Sony α9 III é a velocidade de entrega do material capturado, xa que contan con funcións que facilitan a transferencia de imaxes ao smartphone ou por FTP, contando con numerosos preaxustes que axilizan o envío de imaxes a medios de comunicación.

Vídeo promocional da Sony α9 III

PUBLICIDADE