A cámara DJI Osmo Pocket 3 incorpora un sensor de 1 polgada

mércores, 25 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O fabricante de drons DJI revolucionou o mercado en 2018 co lanzamento da súa cámara de peto DJI Osmo Pocket, que aplicaba as tecnoloxías de estabilización de cámaras de drons a unha cámara de peto que puidésemos empregar no noso día a día, creando uns vídeos moi espectaculares sen grandes complicacións técnicas.
Este formato de cámara foi evolucionando en prestacións, e tamén foi copiado por outros fabricantes chineses, e agora dá un salto de calidade moi importante coa DJI Osmo Pocket 3, que destaca por integrar un potente sensor de imaxe CMOS de 1 polgada (conseguindo imaxes moi detalladas), unha pantalla táctil xiratoria de 2 polgadas (que permite un control máis preciso) e a capacidade de mudar comodamente entre gravación horizontal e vertical (adaptándose ás distintas plataformas de vídeo actuais). E todo iso sendo capaz de gravar vídeo en 4K até 120 imaxes por segundo, con estabilización mecánica de 3 eixes e unha serie de funcións intelixentes que fan doada a gravación de vídeos de grande calidade.
Os creadores de vídeo agradecerán que esta nova cámara de DJI sexa capaz de rexistrar vídeo en modo de cor D-Log M de 10 bits (para captar máis detalles en cada toma) e HLG (para conseguir un maior rango dinámico e producir imaxes abraiantes en equipos con HDR); así como tamén agradezan a compatibilidade co DJI Mic 2, ou sexa, que permite gravar a dúas persoas á vez con cadanseu micrófono, o que resulta moi práctico para entrevistas ou directos.
A cámara tamén incorpora funcións de seguimento (ActiveTrack 6.0) e modos creativos (SpinShot, MotionLapse, Digital Zoom e Panorama), para crear contidos espectaculares sen grandes complicacións. Tamén cómpre lembrar que este tipo de cámaras serven para retransmitir en directo a través da Internet e para funcionar a xeito de cámara web no ordenador.
O prezo de venda da Osmo Pocket 3 é de 539 euros para o seu modelo básico, ofrecéndose tamén un lote para creadores que por 679 euros tamén inclúe transmisor DJI Mic 2 (con antivento e broche magnético), empuñadura con batería, obxectivo grande angular, minitrípode e bolsa de transporte.

Vídeo de presentación da cámara DJI Osmo Pocket 3

PUBLICIDADE