A cadea de tendas Game consegue uns resultados económicos históricos no Reino Unido

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

A cadea británica de tendas de videoxogos Game (tamén cunha forte presenza en España, na cadea antes coñecida coma Centro Mail) presentou os seus resultados económicos durante o ano fiscal que rematou o 31 de xaneiro, amosando uns ingresos de 1.970 millóns de libras esterlinas (un 32% máis que o ano anterior) e unhas ganancias de 126,2 millóns de libras (que supón un incremento do 68%) o que supón uns resultados excepcionais.
Aínda que o sector dos videoxogos non estea blindado contra a crise, está claro que ten unha resistencia moito maior que outros eidos, e incluso podería ser anti-cíclico (medrando cando outros perden pulo).
Tamén cómpre destacar que o segmento da venda de segunda man supón xa un 18% da súa facturación, o que supón un incremento anual do 37%. Amais, a súa marxe de beneficios é do 39% e conta coa peculiaridade de que boa parte dos cartos que move remata reinverténdose nas propias tendas (xa que os usuarios venden videoxogos vellos para aforrar cartos na adquisición de novos títulos).

PUBLICIDADE