A boia intelixente da praia da Oza (A Coruña) xa está operativa

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha un sistema para o control e a vixilancia da calidade ambiental das augas de baño da praia de Oza, que se engloba dentro do Sistema de Xestión Ambiental do Servizo de Medio Ambiente Municipal. O dispositivo, que xa está en funcionamento, supuxo a instalación dunha boia intelixente dotada dunha estación multiparamétrica para a avaliación da calidade das augas de baño en tempo real de maneira remota.
Entre os parámetros que se controlarán están a temperatura da auga, o pH, a condutividade, o osíxeno disolto, a salinidade e os sólidos disoltos totais, entre outros. Os datos rexistrados estarán dispoñibles na web de calidade ambiental municipal de Coruña Sostible.
A boia instalada, a primeira desta índole de Galicia, ten un corpo somerxíbel flotante de 1.250 mm de diámetro. Dispón de protección contra actos vandálicos, un módulo GPS que permite o seu xeoposicionamiento e un sistema de envío de avisos de incidencias en caso de desprazamento do seu punto de fondeo.
O Goberno local de Inés Rey sinalou que este proxecto amosa o compromiso do Concello coa consecución dos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Sustentábel 2030, marcada polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
O custo da instalación foi 51.346,60€, dos cales o 80% contou con financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

PUBLICIDADE