A biblioteca virtual Bibliosaúde estrea novo buscador

martes, 9 de outubro do 2012 Redacción

Cartel promocional de Bibliosaúde

É sabido por todos que as bibliotecas presenciais teñen as horas contadas pois o mundo virtual estase abrindo camiño en todos os eidos. E a sanidade non ía ser menos, pois informan dende a Consellería que o Sergas, que contaba xa cunha biblioteca virtual chamada Bibliosaúde, vén de sufrir ampliacións nesta base de datos grazas a un novo buscador que dará acceso a textos completos e terá unha meirande capacidade de busca. Emporiso, a ferramenta en cuestión -Uptodate- dará a posibilidade a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde (incluídos os médicos en prácticas) de acceder a ela dende o seu posto de traballo ou mesmo dende a casa a través de Mergullador.
Deste xeito, a Bibliosaúde -que nacera coa vontade de substituír o sistema de bibliotecas presenciais nos hospitais e estender o acceso á información a todos os centros sanitarios- chegará a mans de todos os profesionais do Sergas a través de Uptodate directamente dende a Biblioteca Virtual (recoñece as IPs do Sergas), vía Internet ou Intranet, escribindo o enderezo uptodate.com, ou ben dende a casa a través de Mergullador premendo na pestana de recursos-e e buscando Uptodate.
E que achega Uptodate? Pois achega unha información imparcial e baseada na evidencia médica; xa que está deseñado para responder ás preguntas clínicas que xorden na práctica cotiá de xeito doado e rápido. A información que ofrece estase a actualizar de maneira continuada e as revisións temáticas son realizadas por máis de 4.000 médicos expertos nas súas materias, máis de 9.500 recomendacións das especialidades de alerxia e Inmunoloxía, atención primaria, cardioloxía, cirurxía xeral, dermatoloxía e un longo etc. Asemade, tamén dá acceso a máis de 450.000 referencias de Medline, con enlace ao texto completo se a revista está subscrita a Bibliosaúde; así como textos, gráficos e resumos.
Cómpre engadir que o Uptodate posúe outras funcións como o acceso á base de datos farmacolóxica e base de datos de interaccións (con máis de 4.600 fármacos internacionais para pacientes adultos e pediátricos), calculadoras clínicas e un apartado de novidades con actualizacións de cambios na práctica clínica e un resumo dos achados máis importantes de cada especialidade dende a última versión; e información para o paciente.
Dicir que a Bibliosaúde está aberta as 24 horas do día a todos os centros do Sergas.

PUBLICIDADE