A biblioteca de Brión celebrou as Letras coa posta en marcha dunha web de seu e distintas actividades culturais

xoves, 24 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Entre as actividades levadas a cabo para conmemorar o festexo duplo Día das Letras Galegas + Día de Internet cómpre salientar (amais de todo o salientado dende Código Cero a semana do 17 de maio) a posta en marcha dun novo blog e dunha serie de accións culturais complementarias arredor da bitácora. Falamos da web da biblioteca municipal de Brión, que colleu corpo apoiándose en actividades de dinamización da lectura entre as que se incluíu unha campaña de bookcrossing (intercambio de libros-libres) na que colabora o Departamento de Mocidade local.
Segundo informa o Concello de Brión, impulsor do blog, este pretende ser unha xanela aberta “á gran praza pública que é a Internet”. A través deste espazo, engádese, a biblioteca ofrecerá puntual información das actividades que organiza ou que acolle, así como acceso aos catálogos on-line e outros recursos e servizos de interese para os usuarios. Como dixemos, entre as actividades que abrollaron da web, complementándoa, destaca unha iniciativa de bookcrossing, que dá comezo este xoves con seis libros que se van deixar ceibes no centro social polivalente. Dende o blog da biblioteca irase informando aos veciños dos distintos “puntos bookcrossing” que vaian xurdindo cada semana. “O que pretendemos é fomentar entre os veciños de Brión o intercambio de experiencias lectoras, onde non so participe a biblioteca, senón todos aqueles usuarios que queiran colaborar aportando algún libro que leron e queiran ceibar; quen o desexe, pode collelo libremente; unha vez lido, agradecemos que volva liberalo para que outra persoa poida gozar del”, explica Dora Vieiro, do Departamento de Mocidade e Voluntariado de Brión.

PUBLICIDADE