A banda larga está presente en máis da metade dos fogares galegos

luns, 30 de xaneiro do 2012 Redacción

Segundo os últimos datos achegados por Telefónica sobre implantación TIC, tanto os fogares galegos, como as empresas e as administracións públicas da nosa terra, achegan sinais positivos sobre a súa recente actividade na Sociedade do Coñecemento, tanto a nivel de acceso como no que atinxe a innovación e novos servizos en liña. Polo que atinxe aos fogares, sinálase no informe anual sobre A Sociedade da Información en España 2011 que vén da man da Fundación Telefónica, o número de familias con equipamento para tirar partido da Sociedade da Información segue a incrementarse. Así, o estudo sinala que o computador está presente no 65,3% dos fogares galegos, a banda larga no 51,6%, cun crecemento do 11% no período 2009 -2011.
A conexión a Internet nos domicilios, infórmase dende o OSIMGA (observatorio da Xunta colaborador no estudo), sería posíbel logo dende o 53,3% dos fogares galegos, “superando por vez primeira a metade das vivendas de Galicia”. Asemade, a conexión á Rede na nosa terra experimentou un incremento do 9% con respecto a 2010. Polo que atinxe á banda larga, abrangue practicamente a devandita porcentaxe, concretamente o 51,6%, cousa que representa un feito especialmente salientábel para o Goberno galego, xa que, sinala, é a primeira vez que máis da metade dos nosos fogares contan con banda larga. En detalle, un 11% máis ca no ano 2010.
Polo que respecta ás empresas, lembrar que tamén se acadan no seu seo datos positivos. Segundo se apunta no informe, afiánzase o uso das redes no noso tecido produtivo até situarse este nun “nivel óptimo de implantación TIC nas empresa de dez ou máis empregados”. Os datos negativos, unha vez máis, está nas empresas pequenas e nas microempresas, as que por variados motivos (orzamentos moito máis axustados, descoñecemento das vantaxes dunha cultura en liña, estreita ligazón cos xeitos tradicionais de actividade empresarial) aínda non deron o chimpo definitivo á Sociedade da Información. De feito, sinálase, apenas o 63,8% das microempresas galegas están conectadas a Internet.
No que atinxe á Administración Electrónica, o informe tamén fornece datos relevantes, no bo sentido. De feito, sitúase a Galicia como a terceira Comunidade no uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimento de formularios oficiais.
Entre os pasos adiante dados pola nosa Administración no camiño dixital, o informe salienta “que a publicación do decreto 198/2010 fixou as bases para o desenvolvemento da Administración electrónica galega; e entre os servizos dispoñibles en liña, destacan os avances na implantación da factura electrónica”.
O informe tamén pon de relevo a posta en marcha este ano da sede electrónica da Xunta de Galicia, “un instrumento que converte en realidade a posibilidade da cidadanía de relacionarse coa Administración Galega coas garantías e dereitos esixidos pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos”, apúntase dende o OSIMGA.
En definitiva e tendo en conta os datos da investigación da Fundación Telefónica, a nosa é arestora a sétima Comunidade con maior número de empresas do sector TIC (1.767 empresas en 2010). “Este indicador”, engádese, “experimentou un crecemento do 14,6% no período 2009-2010, ficando o nivel de emprego neste sector en 15.851 traballadores/as e superando o seu volume de negocio os 2.200 millóns de euros no ano 2010”. Un dos grandes feitos do ano pasado, apúntase, foi a posta en marcha do Centro Demostrador TIC, “punto de encontro entre o sector TIC e o resto de sectores empresariais”.


Vídeo no que amosan algúns datos sobre o estado da Sociedade da Información en España

PUBLICIDADE