A banda ampla de un mega integrarase como servizo universal

martes, 17 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Sebastián anunciou o novo servizo universal no marco do FICODA Rede poderá ser máis ou menos discutible, malia ser tan culpable dun incendio coma o fume, pero unha cousa está máis ou menos clara: as condicións de acceso, alí onde as hai, dificilmente irán a peor. En definitiva, as circunstancias nas que se nos ofrece isto da Sociedade da Información, malia que aínda queda moito por camiñar (sobre todo no noso rural) teñen mellorado algo dende a súa chegada e hai certa seguridade de que se vai seguir por este vieiro, polo menos a curto e medio prazo. Disto, de afianzar os piares para unha Internet mellor e que finalmente non fique todo en papel mollado é do que vai tratar unha das vindeiras manobras do Ministerio de Industria.
A medida, presentada por Miguel Sebastián na apertura da terceira edición do Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD), quere entre outras cousas que o acceso a Internet con banda ampla de un mega de velocidade forme parte do chamado servizo universal a partir de 2011. Isto que significa? Pois en liñas xerais que todo apunta a unha meirande calidade e prezos máis accesibles.
Cómpre sinalar que a día de hoxe o paquete dos ditos servizos universais, achegados por Telefónica, inclúe telefonía, guías telefónicas, acceso funcional á Rede de banda estreita ou as cabinas. Segundo sinalan medios como Xornal.com, a incorporación da Internet de banda ampla obrigará a que en 2011 se elixa a compañía ou compañías responsables deste cometido. Neste senso, Industria sacará adiante os concursos precisos dependendo da vontade amosada polos diferentes operadores á hora de facerse coa dita designación.

PUBLICIDADE