A axenda do emprego autónomo pon o foco no impulso das empresas tecnolóxicas

martes, 5 de setembro do 2023 S. P.

Na tarde este luns 4 de setembro celebrouse unha nova xuntanza da Mesa do Emprego de Autónomo, presidida pola conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Elena Rivo. Na mesa abordáronse os detalles da Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros. No arranque do encontro, Rivo salientou a relevancia do colectivo “para a economía e para a riqueza de Galicia”, sendo a comunidade cun maior peso das persoas traballadoras autónomas (un 19,96% fronte ao 16,07% do conxunto do Estado).
Rivo apostou por “seguir avanzando” e “consolidando a rede de apoio ao colectivo, que este ano supuxo por parte da Xunta de Galicia axudas directas por valor de 30 millóns de euros”, dixo, poñendo o foco nunhas axudas que se poden solicitar ata o 29 de setembro.
En concreto, aínda están abertas as convocatorias para impulsar o inicio de actividade por conta propia (12 millóns), para consolidar e mellorar a competitividade de negocios que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial (8 millóns), para contratar ata o terceiro traballador (1,3 millóns), para favorecer a conciliación (1 millón) e para impulsar empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica -IEBT- (500.000 euros). Tamén, dixo, “é posíbel solicitar aínda as axudas por 7 millóns de euros dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social para cubrir investimentos en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario”. No seo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, trataranse -ademais destes apoios de 2023- os previstos para o ano que vén.
Para acompañar ás persoas autónomas no seu camiño emprendedor, a Xunta de Galicia ten en marcha a maiores a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, coa que se pretende “dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación”. Esta Rede, que ten actualmente oito polos en marcha nas catro provincias, está a prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.

PUBLICIDADE