A axencia dixital galega Roi Scroll, Premio Cantábrico Excelente

venres, 12 de xuño do 2015 Redacción

A axencia dixital galega Roi Scroll vén de obter un importante recoñecemento ao ter sido merecedora do Premio Cantábrico Excelente de Marketing Online que concede a compañía Suplementos e Monográficos. Como lembraremos, a firma galardoada está integrada por un equipo de especialistas en mercadotecnia dixital dirixida a grandes e medianas contas, sendo un dos seus obxectivos básicos achegar revolucionarios conceptos da promoción empresarial e comercial en liña. Entre os clientes da empresa atópanse firmas referenciais de múltiples sectores. Ademais, salienta por ter sido quen de habilitar unha división formativa centrada nas novas tecnoloxías e nos novos xeitos de facer mercadotecnia, a Roi Scroll Academy.
Nun plano máis concreto, Roi Scroll, con sede en Vigo, centra boa parte dos seus traballos en integrar, desenvolver e rendibilizar estratexias en liña que teñan sempre presente o retorno do investimento, polas súas siglas en inglés ROI (de aí o nome da empresa).
O galardón será entregado nunha gala o vindeiro 26 de xuño no hotel da Reconquista de Oviedo e reunirá a destacadas personalidades da vida empresarial, económica, social e cultural da beira cantábrica.
Segundo salienta o xurado dos galardóns, “Roi Scroll emprega as novas tecnoloxías publicitarias desde unha óptica innovadora sempre para acadar os mellores resultados para os seus clientes”. Así, engade o xurado, “a axencia tira proveito das últimas tecnoloxías que existen no mercado para conseguir aumentar as vendas ou facer medrar a notoriedade dos seus usuarios na canle dixital, e todo a través de procesos como a compra de audiencia en tempo real (real time bidding), accións volver capturar clientes potenciais, actividades para o mantemento no tempo dos compradores ou campañas de correo electrónico”. Ademais, lembran os impulsores dos Premios Cantábrico, Roi Scroll conta cun proxecto propio de formación en liña, a Roi Scroll Academy, dirixido a directores de mercadotecnia e novos empresarios que queiran estar ao tanto das últimas novidades e tecnoloxías do sector. As clases son impartidas por profesionais da axencia e especialistas en activo que xestionan campañas a diario.
Por último, Roi Scroll conta cun blog de seu, un emprazamento dixital onde o equipo da empresa e outros profesionais do sector colaboran para crear os mellores contidos sobre mercadotecnia dixital.

PUBLICIDADE