A aventura solidaria de 10fronterasfotofurgo en África, polo miúdo nas redes sociais

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

As redes sociais e máis unha furgoneta Volkswagen Transporter T3 Syncro de 1988 están a ser estes días os protagonistas dunha aventura cunha boa meta. Máis polo miúdo, dun itinerario solidario que se pode seguir, polo miúdo, a través da Internet (no blog de seu e nos servizos 2.0 de máis sona, Facebook, Instagram, YouTube e Twitter). E todo grazas á contribución dun xornalista de 39 anos (José Ramón Puig Koke) e unha fotógrafa de 31 anos (Claudia Maccioni), que percorrerán máis de 20.000 quilómetros ao longo de 11 países a bordo deste vehículo para levar a cabo a 10º FurgoVolkswagen, un proxecto solidario no que a marca xermana colabora recadando fondos para apoiar a loita contra o cancro en África a través dos hospitais Peace & Love. O seu proxecto, en concreto, chámase 10fronterasfotofurgo.
Emporiso, a 10º FurgoVolkswagen, na que se insire este 10fronterasfotofurgo, será o punto de partida dunha viaxe que amais ten como obxectivo achegar a situación das zonas máis descoñecidas dos países do noroeste de África. A aventura comezará o 28 de xuño en Barcelona e durará tres meses, ao longo dos cales se percorrerán: Marrocos, Mauritania, Senegal, Gambia, Guinea-Bisau, Guinea Conakry, Costa do Marfil, Burquina Faso, Gana, Togo e Benín. Alén disto, Volkswagen organizará un mercadiño solidario para que todos os seareiros/as das furgos poidan colaborar e facer achegas económicas por cadansúa furgoneta que se achegue a facer a foto de familia na concentración. O diñeiro recadado irá de xeito íntegro a un proxecto en Ghana, a través da ONG Breast Care Ghana, que centra os seus esforzos na loita contra o cancro de mama mediante os seus hospitais Peace&Love. En canto á protagonista destas 10fronteirasfotofurgo -a T3 Syncro-, dicir que é un modelo exclusivo, foron fabricadas unhas 43.468 unidades en todo o mundo e 5.848 deste modelo en concreto (panelado). Con todo, esta furgo-aventureira recibiu algunhas modificacións co gallo de adaptarse ás dificultades da viaxe: un motor TDI de 90 cv, uns amortecedores Trail Master de gran capacidade de carga, faros frontais de longo alcance e dúas bacas portaequipaxes no teito. No interior, os viaxeiros contarán con cociña de gas, neveira, calefacción estacionaria, cama dobre (interior e superior), iluminación por LED’’s, dobre placa solar, illantes térmicos...

PUBLICIDADE