A aula CeMIT de Compostela acolle os primeiros actos de celebración dos 25 anos da CRTVG

luns, 19 de abril do 2010 Raquel Noya

A aula CeMIT de Santiago de Compostela, situada na Facultade de Ciencias da Comunicación, está dando acollida, dende esta mesma mañá, a algunhas das actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Medios para celebrar os 25 anos da CRTVG.
De feito, dende as 11:00 horas desta mañá, as persoas que se achegaron ata a devandita aula, puideron presenciar a visita do mítico Santiago Pemán, o home do tempo da galega, que fixo un percorrido sobre a súa traxectoria na TVG ao longo destes 25 anos de emisións.
A Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia celebran este aniversario co obxectivo común de “potenciar os avances tecnolóxicos cos que ambos contan no ámbito das comunicacións”, xa que logo, a este acto hai que engadirlle outras iniciativas TIC organizadas para conmemorar o 25º aniversario do ente radiotelevisivo autonómico, que consisten en dous concursos relacionados coas novas canles de comunicación (“As grandes frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”), cuxas bases de participación poden atoparse na páxina web da CRTVG así como na do Centro Multimedia de Galicia.
Cada un dos concursos contará con tres gañadores e entre os premios destacan reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.
Ademais da aula da Rede CeMIT de Santiago, os actos conmemorativos dos 25 anos da CRTVG desenvolveranse tamén nas aulas CeMIT da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.
Asemade, a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, acollerá tamén durante todo o ano unha serie de contidos sobre a CRTVG. Dese xeito, os interesados poderán converterse en presentadores dos informativos da Televisión de Galicia por un día, a través do Plató Chroma Key, un espazo no que se poden situar e aparecer reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos no decorado. Ademais, a mostra acollerá unha exposición de obxectos relacionados coa radio e coa televisión e un vídeo conmemorativo do aniversario, entre outros contidos.

PUBLICIDADE