A aula CeMIT de Ames móstranos como viaxar con Google Maps ou buscar emprego pola Rede

luns, 28 de xuño do 2021 S. P.

A aula CeMIT do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para os meses de xuño e xullo, tanto para nenos e nenas como para adulto/as. Farao con horario novo no mes de xullo: estará aberta de 8.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores. Haberá actividades formativas sobre viaxes con Google Maps, como crear un currículo ou como buscar emprego por Internet.
O primeiro curso que se vai impartir está dirixido a un público adulto. Os días 28, 29 e 30 de xuño, de 17.30 a 18.30 horas, levaranse a cabo as sesións de Google Maps: planifica as túas viaxes en verán!. Trátase dun curso no que se aprenderá a sacarlle partido a unha das aplicacións máis útiles do móbil, mostrando como planificar rutas e obter toda clase de información sobre os sitios que queremos visitar. Ademais da versión móbil, tamén se verá como funciona a versión web.
O xoves día 1, o martes 6 e o xoves 8 de xuño, de 17.00 a 18.30, impartirase o curso Crea o teu CV!. Nestas clases, o alumnado aprenderá a realizar un bo currículo orientado á satisfacer as necesidades na busca de emprego, a crear un autoanálise para decidir que poñer no CV e a escribir unha carta de presentación. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido coa titoría do profesor.
Tamén relacionada coa inserción laboral, a Aula CeMIT organizou o taller Busca de emprego a través de Internet. Desenvolverase o martes 13 e xoves 15 de xullo, de 17.00 a 18.30 horas. Trátase dun curso de introdución á busca de emprego na Rede no que se recibirá unha serie de consellos e trucos para a procura dun posto de traballo, así como unha chea de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portáis de emprego, boletíns, uso de redes sociais...
Cursos infantís
No mes de xullo haberá dous obradoiros online dirixidos a nenos e nenas. O primeiro en impartirse será o de mecanografía, o xoves 1 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas. Ensinarase esta ferramenta fundamental para que os estudantes poidan desenvolverse no mundo da informática, achegando, a través de Youtube, as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing para que os rapaces e rapazas poidan practicar mecanografía dende a casa durante o verán.
Os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, a rapazada poderá asistir ao curso de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que logo se adentren na robótica educativa.
Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso que esteamos inscritos na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

PUBLICIDADE