A aula CeMIT de Ames celebra o outono con formación TIC para todas as idades

mércores, 2 de outubro do 2019 Redacción

A aula CeMIT de Ames vén cun completo programa de actividades para estes meses de outubro e novembro, todas elas co nexo común de ser actividades anti-fenda dixital. Trátase dunha ducia de actividades, a desenvolver na Casa da Cultural de Bertamiráns (sede da aula CeMIT), entre as que destacan un ciclo de introdución á informática para adultos (con prazas cubertas pero con opción de inscribirnos en listaxe de agarda), un curso de iniciación a Internet (con prazas libres) e outro de iniciación ás redes sociais.
Ademais, ofértase un ciclo de ofimática co desenvolvemento de tres obradoiros dende mediados de outubro ata principios de novembro.
Segundo explican dende a aula CeMIT local, tamén se ofertarán cursos de follas de cálculo con LibreOffice Calc I e II (con prazas cubertas pero con posibilidade de facer a inscrición para a lista de agarda) e de presentacións con LibreOffice Impress (a desenvolver a principios de novembro e con prazas vacantes). Isto complétase en novembro cun ciclo de empregabilidade: dous cursos centrados na mellora da empregabilidade dos alumnos e alumnas mediante a creación dun currículo adaptado as súas necesidades e a busca de emprego a través de Internet. Para ambos casos aínda hai prazas libres.
A programación para outubro e novembro abrangue tamén tres cursos destinados aos nenos e nenas: un de informática de nivel básico e dous de mecanografía, un para nenos e nenas menores de 10 anos e outro para maiores desta idade. Para os dous primeiros aínda hai vacantes, mentres que o curso de mecanografía para maiores de dez anos admite inscricións para lista de agarda.

PUBLICIDADE