A asociación WOP pendura na Rede o resultado dun dos maiores flashmob convocados no eido estatal

mércores, 12 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A asociación Walk On Project (WOP), plataforma de loita contra doenzas neurodexenerativas, vén de estrear na Rede, polo grande (e nunca mellor dito, tendo en conta as dimensións dos efectivos reunidos e a cidade elixida para os mesmos: Bilbao), o resultado da súa convocatoria flashmob do pasado 1 de decembro. Nesta cita, lembremos, participaron unha orquestra sinfónica, un coro e máis de 40 bailaríns, rexistrados todos eles por 12 cámaras e reflectidos nas redes sociais de meirande relevancia, amais de na propia web de WOP. Recordar que un flashmob é unha xuntanza xeralmente multitudinaria, xerada vía móbiles ou redes sociais para facer ou crear algo rechamante e, sobre todo, temporal. Volvendo á criatura de WOP, dicir que xa se pode ver no YouTube.
A arela de WOP é a de que se converta nun dos vídeos máis visitados na Rede, “e desta maneira contribuír a que siga a medrar a marea humana da asociación, sumando novas vontades”. A experiencia audiovisual en cuestión, froito da xuntanza do 1 de decembro, relata unha minihistoria do cantante Mikel Rentería, que logo dun breve paseo polas rúas de Bilbo, diríxese cara a unha tradicional zona de poteo da cidade, onde comeza a tocar as súas cancións, nun principio só e logo en compañía dunha banda, unha orquestra sinfónica (a do conservatorio Juan Crisóstomo de Arriaga de Bilbao), un coro e máis de corenta bailaríns.
Lembrar que Mike Rentería e a súa muller Mentxu fundaron en 2010 o proxecto Walk On Project, WOP, para a loita contra as enfermidades neurodexenerativas, apoiando a investigación en terapias curativas (o seu fillo Jon sofre dunha destas doenzas, leucodistrofia).

PUBLICIDADE