A artesanía galega ábrese paso na Rede da man de Locideas.com

martes, 28 de setembro do 2010 Raquel Noya

As máis das veces (por non dicir todas) os agasallos que máis adoitan a gustar son os feitos por un mesmo, aqueles que, por moito que a persoa agasallada busque e rebusque, non atopa outro igual por ningures. Isto é precisamente o que lle engade valor ás cousas feitas deste xeito: a exclusividade. Porén, tamén se valora moito o traballo, o esforzo de facer algo que dificilmente se poida atopar nas tendas e que ademais sexa orixinal.
O problema disto radica en que a maioría dos mortais (entre os que me inclúo) temos as ideas esgotadas, e a creatividade absorbida polos apuntes da universidade que durante longas horas ficaron diante das nosas faces coa intención de ser memorizados e caer no esquecemento nos minutos posteriores ao exame pertinente.
Pois ben, fozando na Rede, á procura de alguén que contase cos requirimentos precisos para facer ese difícil traballo por min (o de sorprender a alguén cun regalo especial), levei unha grata sorpresa coa web galega Locideas.com, na que os creadores nos achegan a solución “ideal” para todo tipo de ocasións.
A páxina, malia que está en castelán, pertence a unha galega que desborda creatividade por tódolos costados e que ofrece o mellor de si para facilitarnos o traballo de ser orixinais e a un prezo ao alcance de calquera peto.
Espellos, sacos de calor, coxíns, mantas, vinilos, cadros, roupa… todo ten cabida neste espazo cheo de cor, onde as ideas se materializan en obxectos de culto e a nosa personalidade pasa a formar parte da decoración máis exclusiva.
“Pensa, idea e chámanos” e o lema desta autónoma que un día decidiu dar un chimpo á Rede para dar a coñecer o seu labor alén das nosas fronteiras, porén o deseñador web contratado (todo hai que dicilo) non estivo á altura das circunstancias e a páxina que lle fixo a cambio dunha contía xeitosa, non permite amosar todo o potencial dos seus traballos nin moito menos da súa orixinalidade.
Xa que logo Lucía, que así se chama a artista, ten outro novo obxectivo por diante: redeseñar a súa web e facela tan atractiva e funcional como o son as súas creacións, unha tarefa que, a ciencia certa, terá acadado antes de que remate o ano, como terán que facer os milleiros de empresarios que queiran seguir no meollo botando man das TIC para estar á altura dos tempos.

PUBLICIDADE