A app do Concello da Guarda rexistrou xa máis dun milleiro de incidencias

xoves, 21 de xaneiro do 2021 S. P.

O Concello de Guarda vén de facer balance do acadado en materia de actividade e colaboración cidadá a través da súa aplicación móbil, materializada hai cinco anos polo departamento local de novas tecnoloxías para dispositivos con Android e iOS, achegando á veciñanza a posibilidade de acceder, de xeito doado e simplificado, a unha manchea de servizos e trámites. Dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis de dous milleiros de usuarios, atendendo máis de 1.000 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería.
A app móbil do Concello da Guarda pódese descargar de balde e achega, unha vez operativa nun dispositivo, varias seccións con informacións de interese. Entre as seccións dispoñíbeis permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos e información do tempo, entre outras.
Segundo confirmou o Concello, está pendente de actualizarse a sección de horarios dos autobuses entre A Guarda e Vigo, que “debido á entrada en funcionamento da nova empresa concesionaria, vai ter modificacións”.
O Goberno local tamén fixo saber que un dos apartados de meirande utilidade é o de Incidencias, que permite á cidadanía dar avisos sobre mobiliario urbano, tráfico e sinalizacións, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería. A través desta sección, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto do problema a solucionar e explicar polo miúdo a descrición do mesmo “en tres sinxelos pasos”, explica o Concello, lembrando que o sistema, unha vez rexistrado o aviso, faino chegar ao departamento municipal encargado da súa xestión, “o que permite a súa resolución á maior brevidade”.
A app móbil do Concello da Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda. A maiores, inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de ocio na que se inclúen informacións sobre Que ver?, Onde durmir?, Onde comer?, os museos ou as festas municipais. Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais itinerarios do termo municipal.

PUBLICIDADE