A app do Camiño de Santiago supera as 7.000 descargas

luns, 21 de novembro do 2016 Redacción

Foi no mes de maio cando Turismo Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentaban a aplicación móbil do Camiño de Santiago. Esta app xurdía ao abeiro do proxecto Smart Camiño e a día de hoxe conta cun total de 7.344 descargas. Grazas a esta ferramenta, dispoñíbel en galego, español e inglés, os peregrinos contan cunha guía que lles achega información sobre as rutas oficiais do Camiño de Compostela dende a súa entrada en Galicia (Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, ou Camiño de Inverno).
A ferramenta dispón dunha listaxe da Rede Pública de Albergues (características, horarios, localización, teléfono e fotografías); información sobre os eventos culturais (festas, concertos, obradoiros...), información de todos os recursos turísticos (descrición, localización e imaxes), suxestións para comer, aloxarse e que visitar.
A aplicación, que na maior parte das súas funcións non precisa de cobertura no móbil, achega información meteorolóxica (fornecida por Meteogalicia) así como datos de contacto e enderezo dos centros de saúde e emerxencias.
Esta plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.
Engadir que no apartado Meu diario, os peregrinos poderán gardar os intres máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotos e logo, mediante a funcionalidade do portal A miña experiencia, crear o seu propio libro dixital.

PUBLICIDADE