A app de LaLiga espía se os bares piratean o fútbol

luns, 11 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O uso dos nosos datos persoais por parte de empresas e aplicacións é cada vez máis polémico, pero algúns casos son especialmente escandalosos como o que vén de destaparse sobre a aplicación móbil de LaLiga, que incorpora unha opción na que, se o usuario dá o seu consentimento expreso, permite acceder ao micrófono do móbil e á súa posición GPS, así como o nome da rede á que está conectado, coa finalidade de obter información sobre os lugares nos que se ven os partidos de fútbol para detectar posibles infraccións dos dereitos de propiedade intelectual de LaLiga por parte de establecementos públicos.
Esta solución anti-fraude captura fragmentos de audio (en momentos nos que estea a retransmitirse algún partido) co obxectivo de recoñecer se o usuario da aplicación está nun local onde se está a ver publicamente un partido de fútbol, para así elaborar patróns estatísticos sobre o consumo de fútbol e detectar explotacións fraudulentas das retransmisións.
Este funcionamento da aplicación está claramente especificado no seu aviso legal, convertendo así nos usuarios da súa aplicación móbil en informantes encubertos de LaLiga. Dende a entidade aseguran que decidiron adoptar esta medida ante os máis de 150 millóns de euros que estiman perder pola piratería audiovisual nos locais públicos.

PUBLICIDADE