A app DriiveMe chega a nosa terra ofrecendo alugueres de coches por 1 euro

venres, 24 de novembro do 2017 Redacción

Estes días chegou á nosa terra unha aplicación móbil que, entre outras cousas de interese para os condutores que anden procurando alternativas ao coche propio (turistas, viaxeiros, condutores en xeral que chegan en tren, bus ou avión e que non dispoñen de automóbil a man), achega alugueres de vehículo a un euro e con seguro inclusive. Trátase da plataforma DriiveMe, que permite facer desprazamentos por España e que, na súa incursión estatal, comezou por terras galegas.
Neste intre pon a disposición da xente máis de 200 itinerarios dende os aeroportos e estacións de tren da nosa xeografía cara a puntos de destino análogos do territorio estatal (até o de agora, só a Barcelona e a Madrid). En Francia a plataforma conta cunha xeitosa comunidade de un millón de usuarios.
Para tirar partido desta ferramenta, o primeiro que hai que facer é darnos de alta na plataforma e logo seleccionar o vehículo que queiramos, amais do intre e a data da xornada en que temos proxectado coller o coche. Tamén hai que sinalar onde se vai entregar. O itinerario a seguir resérvase por un prezo simbólico dun euro. O que si que non terá prezo simbólico será o combustíbel e máis as peaxes das autoestradas de pago, que seguirá a ser tan caro coma sempre. O vehículo conta con seguro a todo risco contratado coa compañía Allianz. A previsión é de que nos vindeiros meses o servizo se espalle e permita viaxes alén das cidades españolas, a Portugal, Italia e Francia.

PUBLICIDADE