A aposta firme polas TIC nas administracións acadaría un aforro público de 7.823 millóns

xoves, 12 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O sector das novas tecnoloxías, servizos e aparellos vén de presentar unha proposta para abrir un camiño firme e mantíbel para acadar o arelado aforro que nos permita comezar xa a saír da crise. Dáse a casualidade de que sería un camiño que non implicaría subas inasumíbeis de impostos, recortes sociais nin sufrimentos extra (por se houbese poucos xa a estas alturas da crise) para o común da cidadanía. A iniciativa vén da comisión de Contratación Electrónica da ANEI (Asociación Nacional de Empresas de Internet), e foi presentada, con corpo de informe, este día 10 na CEOE en Madrid. Basicamente, o que se propón é un aforro de 7.823 millóns de euros para España, cousa que se acadaría “incorporando tecnoloxía na xestión dos seus procedementos de contratación”.
Por contratación electrónica, explica a comisión, enténdese a substitución dos procedementos baseados en soporte de papel polo uso das TIC ao longo de toda a cadea de contratación pública.
A maiores, suporía a introdución de procesos electrónicos para sustentar as distintas fases do proceso de contratación, é dicir, publicación dos anuncios de licitación, subministro do prego de condicións, presentación de ofertas, avaliación, adxudicación, pedido, facturación e pago. O informe en cuestión apóiase en estudos da Unión Europea para estimar a cifra global de aforro que o sector público pode acadar, e conclúe en propor aos poderes públicos deseñar e aprobar, sen demora, un programa de uso de medios electrónicos na contratación pública. Con todo, explica a comisión, non se trata só de pór en marcha plataformas electrónicas de licitación, xa que gran parte dos ditos aforros conséguense coa aplicación das novas tecnoloxías nos procesos internos de adquisición para lograr unha administración pública máis eficaz.
Safwan Nassri, membro da comisión e director xeral de Pixelware, unha das compañías que participaron na elaboración do estudo, salienta que “o novo texto refundido da lei de contratos de novembro de 2011 fala ás claras da necesidade de mellorar a eficacia nos procesos de contratación pública, máis polo miúdo no artigo 22 que fala da axilización de trámites, a innovación e a incorporación de alta tecnoloxía como aspectos positivos nos procesos de formalización da adquisición”.

PUBLICIDADE