A aplicación galega Park App seduce aos investidores europeos na feira Intertraffic de Amsterdam

venres, 2 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Logo da integración da ferramenta Park App en Vigo, temos que volver falar desta aplicación galega aínda que dun xeito diferente e ampliando os horizontes do contexto. De feito, segundo nos contan os responsábeis deste recurso dirixido a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo coa axuda do seu dispositivo, Park App presentouse os días pasados (e con gran éxito) na feira Intertraffic de Amsterdam. No evento, amais de espertar a curiosidade dos visitantes en xeral, “xerou interese entre profesionais do sector para o seu proceso de internacionalización”.
Lembrar que Park App, amais de facernos máis doado atopar a praza de aparcadoiro máis próxima, achéganos información sobre prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do móbil, incluíndo descontos. As vantaxes da aplicación, nestes tempos que corren (con cada vez máis dificultades para atopar prazas urbanas, co combustíbel subindo de prezo cada pouco e cunha meirande concienciación entre os condutores para contaminar menos circulando o mínimo imprescindíbel), son grandes e están á vista, polo que o interese xerado na feira holandesa (sendo Holanda un país pioneiro en mobilidade sustentábel) era máis que previsíbel.
Segundo nos conta o equipo formado por Raúl Conde (CEO de Park App), “foron varios días intensos de traballo e presentacións” que semella que conseguiron dar resultado. “De feito”, engaden, “conseguimos namorar coa nosa proposta a máis de 70 posíbeis investidores e máis de 130 responsábeis de aparcamentos que xa queren instalar a tecnoloxía desenvolvida na cidade de Vigo”. Entre os interesados atópanse investidores de países como os EEUU, Alemaña, Francia, Holanda ou Noruega. Trala feira, comenta Raúl, “as sensacións son moi boas e levámonos a casa a posibilidade de comezar a exportar a nosa tecnoloxía”.
Como lembraremos, Park App funciona como unha aplicación de balde que permite xeolocalizar ao usuario, ofrecer a ruta máis curta para chegar a un parking e, a través dun código QR, acceder ao aparcamento sen utilizar ticket. Este desenvolvemento tecnolóxico, que permite que o móbil interactúe coas barreiras do aparcamentos, supón en palabras dos seus creadores “unha revolución na tecnoloxía que emprega este sector e convértese na gran vantaxe competitiva da empresa”.
Detrás de Park App atópanse catro enxeñeiros informáticos galegos, que son os que deron forma á idea e xeraron a totalidade do sistema.

PUBLICIDADE