A aplicación galega Farmacias estrea versión para Android e afiánzase no top 25 da Apple Store

mércores, 13 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Farmacias, a aplicación galega para tablets e smartphones destinada a poñernos o máis doada posíbel a procura dun dispensario de medicamentos (e da que falamos polo miúdo o pasado venres en Código Cero, con motivo do seu lanzamento oficial para iOS), ten novidades que amosar á comunidade de usuarios, reais e potenciais. Máis en detalle, dicir que a empresa de Milladoiro Evelb achega dende esta semana a versión para Android da devandita ferramenta (en Google Play), que, como lembraremos, localiza ao demandante de información a través da tecnoloxía GPS do seu trebello para logo amosarlle as farmacias máis próximas en tempo real, con iconas verdes para todas as abertas en horario diúrno e iconas de cor vermella para as abertas pola noite e 24 horas. Asemade, segundo engade Evelb, a poucos días da súa publicación, Farmacias xa se atopa na primeira posición na categoría Medicina e dentro do Top 25 das aplicacións máis descargadas de Apple.
Como dixemos o outro día, un dos piares desta aplicación é o potencial de uso e utilidade que achegan a tecnoloxía GPS e o xeoposicionamento que se deriva dela. Así, a través da app permítese determinar o radio de procura e crear unha ruta desde a nosa localización, con vista previa e estimación de tempo de traxecto. O servizo inclúe os datos todas as farmacias de España e gardas dispoñíbeis para todo o territorio galego e Madrid capital. Evelb publicará decote actualizacións engadindo máis poboacións. Por agora as linguas nas que se achega este servizo son o castelán e o inglés, pero agardamos que en vindeiras actualizacións tamén se nos brinde a posibilidade de tirarlle partido en galego.

PUBLICIDADE