A aplicación Vigo suma catro novas rutas interactivas para coñecer a fondo as Cíes

luns, 26 de xullo do 2021 S. P.

Prosegue neste verán o proceso de ampliación continua do aplicación móbil do Concello de Vigo e as súas principais funcionalidades. No capítulo de Turismo, foron presentadas, de man do alcalde Abel Caballero, novas rutas interactivas, referentes desta volta a unha das grandes xoias medio ambientais da contorna: as illas Cíes. Os usuarios poderán acceder a información de servizo e empregar o móbil como guía interactiva para as rutas, os principais puntos de interese e os areais.
En concreto, a aplicación permitirá aos seus usuarios gozar de catro novas rutas interactivas con GPS nas illas (as rutas Alto do Príncipe, do Faro da Porta, do Monte do Faro e de Monteagudo), que se engaden á ruta azul Entre Faros, xa dispoñíbel previamente na ferramenta para dispositivos Vigo.
O Concello aglutina na app información de servizo: como chegar, como obter o permiso e os billetes, consellos e normas do parque, puntos de información, o cámping, o restaurante, as actividades, etc. Ademais, o medio mariño, a flora, a fauna, a xeoloxía, a historia e o patrimonio do arquipélago terán un espazo propio relevante e, por último, o móbil poderá converterse en guía ao ofrecer listados e mapas dos principais puntos de interese, das cinco rutas interactivas e das praias.

PUBLICIDADE