A aplicación Kamarada permite gravar vídeos ao estilo do cinema mudo

mércores, 3 de febreiro do 2016 Redacción

O equipo de responsábeis de Videona (app para gravar, editar e compartir vídeos co móbil) vén de recuncar no ámbito das ferramentas TIC audiovisuais con Kamarada, aplicación para rodar cinema mudo co noso dispositivo intelixente e compartirmos logo os resultados nas redes sociais. A ferramenta, cuxo funcionamento aparece detallado nun vídeo específico en YouTube, achega en palabras dos seus creadores “importantes e variadas posibilidades artísticas”. Sinalar que non se trata dun recurso de balde, xa que a descarga é de 0,79 euros. Permite, entre outras cousas, filmar en branco e negro, en sepia ou con tinguiduras azuis “e os efectos propios deste formato”.
Segundo fan saber os impulsores de Kamarada, o emprego da aplicación é “moi sinxelo”. Ademais, pon ao alcance dos creadores recursos como efectos e filtros, cámara traseira e dianteira no mesmo clip (sen cortar a gravación), rexistro sen límite de tempo (e con tanta velocidade como teñamos no dispositivo), flash para captar imaxes nocturnas, formato propio de cinema mudo (4:3), opción de compartir nas redes sociais e posibilidade de capturar múltiples clips dunha soa tacada.

PUBLICIDADE