A aplicación Jobeeper rastrexa múltiples portais de emprego para enviarnos as ofertas que mellor nos acaen

luns, 23 de decembro do 2013 Redacción

Todo o que sexa axudar á xente que a atopar emprego debera ter, nestes tempos, prioridade nas escolmas tecnolóxicas de cada remate do ano. Estes días a Rede anda mirando un pouco cara a atrás facendo reconto do aparecido recentemente, e unha das cousas que máis nos chamou a atención é Jobeeper, unha aplicación que rastrexa os diferentes portais de emprego existentes para logo enviarnos ao móbil as ofertas que máis se adaptan ao noso perfil profesional. Joobeper está dispoñíbel para dispositivos móbiles Android e iOS e representa, en palabras dos seus responsábeis, un pouco de orde no medio de tanto caos. Dito doutra maneira: do que se trata é de simplificar as cousas no que atinxe á busca de traballo, unha operación hoxe en día achegada por múltiples portais, “co risco de confusión que isto implica”, sinalan.
O único que se nos pide para empregar a fondo Joobeper, unha aplicación de balde, é que configuremos as nosas preferencias. A partir de aí, as ofertas chegarán directamente ao noso móbil no intervalo de tempo que prefiramos. “Desta maneira”, engaden os creadores deste servizo, “estaremos en tódolos portais á vez, sen que se perda ningunha oferta e ademais poderemos ser os primeiros en inscribírmonos”. Jobeeper dispón de ofertas en 38 países repartidos por todo o mundo, pretende ser “unha ferramenta que facilita a procura diaria de emprego e faia moito máis cómoda e eficiente, maximizando as posibilidades dos usuarios para atopar traballo”.
O seu funcionamento logo das renovacións das que vén de ser obxecto baséase moito en facer que os usuarios tamén participen. Deste xeito, cada luns dispoñen dun espazo web para darse a coñecer e tentar chegar ás empresas que poidan estar a buscar un perfil coma o seu, alí poden expor de maneira escrita o seu perfil e capacidades, ademais de poder achegar o seu vídeo currículo ou outras iniciativas creativas. “Desta maneira”, explícase, “o usuario pode achegar valor engadido á súa carreira e aumentar o seu atractivo ante posibles contratantes”. Pola súa banda, os orientadores laborais tamén toman a palabra no blog de Joobeper, “pois a súa visión e os seus consellos son fundamentais para os miles de persoas que se atopan buscando traballo”, informan os impulsores deste servizo.

PUBLICIDADE