A aplicación Galicia Nomeada xa conta con 2.236 colaboradores rexistrados

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

Esta fin de semana celebrouse no Museo de Pontevedra, da man da Real Academia Galega e a Deputación, a VI Xornada de Onomástica Galega, que entre outros contidos incluíu unha mesa redonda sobre os estudos toponímicos do Camiño de Santiago, os nomes de lugar que atravesan a rede xacobea e a posibilidade de que Galicia se converta nun centro de estudos onomásticos referente a nivel europeo. Nesta mesa de clausura participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen debullou os recursos tecnolóxicos postos en xogo na nosa terra para reivindicar, visualizar e preservar os nosos topónimos, coa vantaxe de facelo de xeito participativo, divulgador e accesíbel.
A mesa, moderada pola académica Luz Méndez, contou tamén coa participación de Gonzalo Navaza, membro da RAG; Cristina Sánchez Carretero, antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, e Eduardo López Pereira, membro da Academia Xacobea.
Valentín García cualificou a iniciativa Galicia Nomeada como “frutífera e innovadora” e salientou o seu potencial para ser extrapolada como modelo “a outras comunidades autónomas que se teñen interesado pola iniciativa”. E engadiu: “A toponimia é unha das grandes riquezas do noso idioma e cómpre buscar métodos de actuación que nos permitan recuperala e fixala sen que pase moito tempo”.
Unha aplicación para xeorreferenciar os nomes da nosa terra
Galicia Nomeada é o nome que recibe a aplicación colaborativa para teléfonos intelixentes que se comezou a deseñar en 2017 co fin de recoller e xeorreferenciar a microtoponimia galega. Segundo salienta Política Lingüística, a posta en funcionamento desta plataforma, que ten tamén como obxectivo difundir todo o patrimonio inmaterial asociado á toponimia, “supuxo un paso xigante no proceso de arquivo e conservación do inmensamente rico patrimonio toponímico galego”.
A aplicación, cuxo desenvolvemento foi posíbel grazas á achega da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), está dispoñíbel desde o 20 de decembro de 2019 en versións para iOS e Android nas tendas de aplicacións para teléfonos móbiles intelixentes e conta, na actualidade, con 2.236 usuarios colaboradores rexistrados que introduciron un total de 29.690 topónimos, moitos deles acompañados de audicións, fotografías, documentos ou vídeos.

PUBLICIDADE