A anatomía de Facebook corrixe a teoría dos 6 graos de separación

martes, 22 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Os usuarios de Facebook estarían separados socialmente por unha media de 4 graos (estreitándose tal distancia no tempo)

Nos anos Stanley Milgram realizou un experimento para demostrar que calquera persoa está separada socialmente doutra calquera do mundo por un número reducido de conexións, o que comunmente se coñece como a teoría dos 6 graos de separación (termo nacido nun relato curto do autor húngaro Frigyes Karinthy), e agora dende Facebook están a replicar a experiencia tomando como referencia os 721 millóns de usuarios activos no seu servizo (o que sería máis do 10% da poboación mundial) cuns 69.000 millóns de relacións entre eles, chegando á conclusión de que o número de saltos para conectar socialmente a dous usuarios de Facebook non sería de 6, senón que teríase reducido a 4, aínda que con este estudo non podemos esquecer que, pese a estarmos ante unha base de datos moi representativa, existe certo nesgo na mesma que habería que corrixir para poder trasladar os resultados á poboación xeral.
Nesta análise hai detalles sobre os usuarios de Facebook realmente interesantes, como que só o 10% dos seus usuarios ten menos de 10 amigos, o 20% menos de 25 amigos e o 50% supera o cento de amigos. De feito, a media de amigos en Facebook sería de 190. Pero esta situación tamén muda no tempo, e o estudo reflicte como distancia para conectar a 2 usuarios de Facebook en 2008 era dunha media de 5,28, mentres que hoxe sería de 4,74 e, se reducimos as comparacións a un único país (como EE.UU., onde se realizara o experimento de Milgram inicialmente) teriamos que os graos de separación serían de só 3, dando a impresión de que, aínda que cada vez somos máis habitantes no mundo, tamén estamos máis conectados socialmente.

PUBLICIDADE