A alta definición normaliza as súas emisións na TDT cando as teletendas poderían dicir adeus

mércores, 29 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Antena 3 HD comezou as súas emisións durante a tarde de onte

A Televisión Dixital Terrestre (TDT) está a vivir unha nova revolución para rematar o verán e prepararse para o novo curso, xa que está a modificar substancialmente a súa oferta de contidos, especialmente no que a calidade se refire, de xeito que onte botaron a andar oficialmente as canles Telecinco HD e Antena 3 HD, ambas en simulcast, ou sexa, coas mesmas emisións que a súa versión en definición estándar, facendo un reescalado a alta definición na meirande parte dos contidos (aínda que o material que estea dispoñible en alta definición conservará a súa calidade nativa). Ambas canles optaron pola compresión MPEG-4 cunha compresión duns 5 Mbps para conseguir unha calidade de imaxe moi superior ao que estamos afeitos (incluso cando falamos de contidos orixinalmente en definición estándar), á vez que normalizan o formato panorámico para alegría dos posuidores de televisores en 16:9.

Telecinco HD comezou as súas emisións en probas a semana pasada

Deste xeito, as dúas canles privadas líderes en audiencia sitúanse á cabeza da alta definición en España, mentres que as canles que foron pioneiras neste tipo de emisións a través da TDT, TVE HD e laSexta HD, continúan nunha fase de probas, sen data para a súa implantación definitiva (que no caso da canle de Mediapro nin sequera está confirmada).
O vindeiro venres tamén botará a andar oficialmente laSexta2, canle que leva meses en probas, e que finalmente chegará coma unha canle de reemisións de laSexta (modificando os horarios) aínda que pretenda consolidar unha grella de programación alternativa a longo prazo.
Adeus ás teletendas na TDT
Pero non todo son novas chegadas na oferta televisiva, senón que é moi posible que nos vindeiros meses poidamos dicir adeus definitivamente ás canles de teletenda que ilegalmente están presentes na TDT nun espazo reservado para contidos interactivos, de xeito que serían canles sen licenza. Nos últimos días o Ministerio de Industria instou a Telecinco a cesar as emisións de Cincoshop posto que a canle de Fuencarral xa superara o número de programas na TDT para os que ten licenza (4), e tras as protestas de Telecinco sabemos agora que o Goberno tamén solicitou a Cuatro e Veo TV a eliminación de Tienda en VEO e CanalClub.
Os responsables destas canles aseguran que só están a aproveitar o espazo dos seus múltiplex, co que conseguen ter unha canle máis das proxectadas/autorizadas inicialmente, pero parecen estar a ignorar que non foron adxudicatarios dun recurso técnico, senón dun número de canles de televisión.
Coméntase que estas canles poderían achegar uns 12 millóns de euros/ano ás canles de televisión, polo que o cesamento das súas emisións poderían supor un duro golpe económico para as compañías, aínda que tamén resulta moi criticable que se estea a facer unha explotación comercial básica aproveitando un recurso técnico que buscaba a innovación tecnolóxica mediante contidos interactivos baseados no estándar MHP (e outras tecnoloxías que vaian xurdindo).

PUBLICIDADE