A alianza IBM-Apple xa superou as cen aplicacións profesionais para iOS

xoves, 17 de decembro do 2015 Redacción

Aplicación Fast Fix empregada pola multinacional Bosch

IBM vén de superar a liña do centenar de aplicacións IBM MobileFirst para iOS. Estes lanzamentos (xa máis de cen) abéiranse á alianza da dita compañía informática con outro xigante, Apple, unha colaboración dirixida entre outras cousas “a transformar a maneira de traballar de múltiples sectores e profesións”. Estas profesións abranguen actividades propias da saúde, da xestión patrimoniais ou da distribución comercial. Así até chegar a un total de 65 adicacións. Segundo informan as empresas, cada aplicación que abrollou do acordo combina as capacidades de tratamento avanzado de información masiva (Big Data) de IBM coa longa e frutífera experiencia de usuario de Apple. Todas comparten ademais outro nexo común: axudar ás empresas a acadar novos niveis de eficiencia, efectividade e satisfacción do usuario, cunha rapidez e facilidade “non vistas até agora”.
Entre as compañías que tiran partido destas aplicacións para iPads e iPhones atópanse Air Canada, AXA, Coca-Cola Amatil, o Servizo Postal Xaponés, Rimac, e Vodafone Holanda. Tamén se atopa na lista a entidade financeira Abu Dhabi Islamic Bank, unha das bancas máis referenciais de Oriente Medio, que porá a disposición dos seus asesores financeiros a app Trusted Advice para axudar a estes profesionais a acceder e xestionar os segmentos de clientes, “de maneira doada e segura”, dende os seus iPads. Outra das multinacionais que aposta polo coñecemento xerado polo binomio Apple-IBM é Bosch, o fabricante de electrodomésticos e maquinaria industrial, que está a tirar partido da aplicación Fast Fix para que os seus enxeñeiros da área de servizo ao cliente poidan acceder desde os iPads á potencia da analítica de negocio, de tal maneira que estean en capacidade de resolver máis axiña problemas ou incidencias que xurdan,
"As nosas apps, que arestora representan un nivel exclusivo de valor para o negocio, están a evolucionar para proporcionar capacidades cognitivas que descobren a información máis relevante, o cal permite mellorar a toma de decisións", afirmou Fred Balboni, director xeral da alianza con Apple, en IBM, que engadiu que "froito da unión entre a simplicidade do deseño de produto de Apple co incomparábel nivel de seguridade, analítica e coñecemento dos sistemas cognitivos de IBM, chega a tecnoloxía punta para a transformación do negocio impulsada pola mobilidade".
IBM tamén lembra que está a desenvolver aplicacións empresariais para iPad Pro que, informa, “aproveitan ao máximo a meirande potencia do dispositivo, o seu maior rendemento e a súa pantalla máis grande, así como as funcionalidades multitarefa de iOS 9, o que permite que os profesionais poidan traballar en dúas aplicacións ao mesmo tempo”.

PUBLICIDADE